Galego

Sobre la asociación

A Asociación de Constitucionalistas de España (ACE) foi fundada no 2002, e naceu con vocación integradora co propósito de manter a comunicación entre profesores, investigadores e especialistas no ámbito do dereito constitucional. Os obxectivos fundacionais, que figuran nos nosos estatutos, son a mellora da investigación e a docencia nesta disciplina, propiciando para isto o contacto permanente dos seus membros mediante a realización e o patrocinio de actividades académicas, entre as que destaca a celebración dun congreso anual.

Así mesmo, a asociación ten subscritos convenios de colaboración co Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, sede da ACE, a Fundación Manuel Giménez Abad e o Consello Xeral do Poder Xudicial. Por outra parte, mantemos estreitas relacións con asociación doutros países, especialmente nos ámbitos europeo e iberoamericano.

Baixo a presidencia sucesiva dos profesores Luis López Guerra, José Luis Cascajo (a título interino), Eliseo Aja, Javier García Roca, Miguel Revenga Sánchez e Pablo Pérez Tremps, o labor das correspondentes xuntas directivas, e a resposta e o traballo dos seu membros, a nosa asociación logrou consolidarse nestes anos como o principal punto de encontro académico, profesional e persoal dos constitucionalistas de España. Na actualidade contamos con cerca de catrocentos membros, pertencentes a unhas corenta universidades, públicas e privadas, e continuamos crecendo e incorporando a novos socios sempre coa vocación de apertura e integración.

Desde a creación da asociación logramos manter o compromiso de celebrar un congreso anual, e publicáronse os correspondentes libros cos relatorios e comunicacións presentadas neles. A editorial Tirant lo Blanch acolle nunha colección do seu catálogo as actas deses encontros adicados ata agora a cuestións tan diversas como a defensa da Constitución, o Goberno, a Constitución europea, os estatutos de autonomía, o Tribunal Constitucional, o Poder Xudicial, ls 30 anos de Constitución, o dereito constitucional europeo, os dereitos sociais, a Constitución de Cádiz ou a organización territorial do Estado.

Os membros da actual Xunta Directiva fomos elixidos no Congreso de León de 2017. O noso propósito é manter os obxectivos fundacionais, e mellorar algúns aspectos da asociación, entre outros, certa modernización no formato dos congresos anuais, unha mellor política de comunicación da ACE cos seus socios e a sociedade. Nesta liña, a nosa primeira contribución foi a construción e posta en marcha dunha nova web da asociación. Esta páxina web pretende converterse nun instrumento eficaz de comunicación e información para os membros da ACE, e para cantos estean interesados no dereito constitucional.